O servizo de comedor para persoas con enfermidade mental e as súas familias obtén financiamento para o ano 2026

Na Asociación Albores Saúde Mental seguimos traballando para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental. Grazas á Consellería de Emprego da Xunta de Galicia, poñemos en marcha unha actuación centrada no reforzo do servizo de comedor que se extende ata o 9 de decembro do 2026, dentro do “Programa de prevención e abordaxe da exclusión social profunda”.

Este programa oriéntase a apoiar ás persoas que se atopan en situacións de maior vulnerabilidade, nas que a falta de recursos económicos e o estigma dificultan o acceso a necesidades básicas e á participación social.

A actuación concedida permite contar cunha persoa profesional de cociña, o que facilita:

  • A preparación e prestación de comidas saudables, tanto no comedor como, cando sexa necesario, a domicilio.
  • A creación dun espazo de encontro e socialización, fundamental para combater o illamento.
  • O desenvolvemento de pequenas actividades vinculadas á vida diaria e á alimentación, favorecendo a autonomía das persoas usuarias.

O servizo desenvólvese nas instalacións de Albores en Monforte de Lemos e constitúe un recurso clave para garantir unha necesidade básica como é a alimentación, ao tempo que contribúe á inclusión social.

Dende a entidade lembramos que cubrir as necesidades máis básicas é o primeiro paso para avanzar cara a unha vida digna e independente, especialmente no caso das persoas con enfermidade mental que se atopan en situación de exclusión social profunda.


Financiamento:
Actuación subvencionada ao abeiro da Orde do 4 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases das subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación (código de procedemento TR352A), promovida pola Xunta de Galicia.