Albores renova o programa RedeMente

Albores Saúde Mental renova o programa RedeMente, unha iniciativa dirixida a mulleres con enfermidade mental residentes nos 11 concellos do distrito sur de Lugo.

O programa desenvolve unha atención integral con perspectiva de xénero e enfoque interseccional, a través dun equipo multidisciplinar formado por profesionais de Psicoloxía, Traballo Social, Educación Social e Asesoramento Xurídico.

O seu obxectivo é mellorar as competencias persoais, sociais e laborais das mulleres participantes, contribuíndo á compensación das desigualdades existentes respecto dos homes e favorecendo o seu proceso de integración social, persoal e laboral.

Nesta edición, o programa conta con 11 prazas e desenvolverase entre o 1 de setembro de 2025 e o 31 de agosto de 2026.

As accións que compoñen o programa inclúen:

  • Servizos de información e orientación sobre recursos de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como apoio indirecto nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que faciliten o proceso de integración social das persoas usuarias.
  • Servizo de atención psicolóxica.
  • Servizo de asesoramento xurídico.
  • Servizo de mediación familiar.
  • Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas e de competencias para a mellora da empregabilidade.
  • Servizos ou medidas de orientación laboral e de acompañamento na busca de emprego, intermediación e titorización laboral e profesional.