

Durante o ano 2025, co obxectivo de previr o suicidio entre a poboación de risco do sur de Lugo, e coa financiación Consellería de Sanidade e o Ministerio de Sanidade , como apoio á implantación do Plan de Acción de Saúde Mental, Albores conta cun Programa de Acompañamento Integral para a Prevención do Suicidio e Posvención. Pártese dunha concepción integral da persoa, onde a coordinación e a cooperación dos servizos sanitarios é crucial para mellorar o pronóstico vital.
O programa está dirixido a persoas maiores de 16 anos, residentes nalgunha das localidades do sur de Lugo que estean en risco de suicidio, así como aos seus familiares. Os obxectivos que se perseguen con este programa son favorecer a saúde mental e o benestar emocional, favorecer un bo estado de saúde física e previr a enfermidade e a discapacidade, promover as relacións afectivas e familiares saudables, reducir o impacto das problemáticas socioeconómicas e dos problemas xurídicos, e mellorar a psicoeducación familiar.
Isto conséguese mediante a atención psicolóxica, o apoio personalizado no fogar e na contorna, as accións para o mantemento da saúde xeral, as actividades de promoción das boas relacións sociais e de redución do impacto socioeconómico, a educación en valores protectores dende o empoderamento, o apoio familiar, o asesoramento xurídico, o apoio no entorno comunitario e o acompañamento que reducen a soidade non desexada.