Albores mantén o seu Comedor Social e contará con obradoiros de xardinería

A Asociación Albores Saúde Mental conta con dúas novas subvencións da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, para poder financiar parcialmente o funcionamento do seu Comedor Social e o Programa de Emprego ata finais do 2023.

Por un lado, o Comedor Social, único servizo deste tipo no su da provincia, combate a pobreza das familias que contan entre os seus membros con algunha persoa con enfermidade mental. Segundo explican dende Albores: “a miúdo as persoas con estas doenzas perden os seus postos de traballo e tamén atopan barreiras importantes ao intentar reemprender a súa vida laboral, como consecuencia do estigma e os fortes prexuízos sociais”.

Por outro lado, a subvención cubrirá tamén un programa de formación laboral. Trátase dun Programa de Emprego que se centrará en ofrecer formación práctica de balde en Xardinería para mellorar a empregabilidade e competencia das persoas diagnosticadas de calquera enfermidade mental. Dende Albores sinalanque esta acción facilitará “a adaptación do currículo ao mercado laboral da zona, formándoas nun sector con moita demanda de traballadores e traballadoras”.