Hai unhas semanas estivemos disfrutando dun día de praia en Samil grazas ao programa “A túa Saúde en Mente”. Este programa é posible grazas á financiación da Consellería de Sanidade e ten como obxectivo mellorar o estado de saúde das persoas con enfermidade mental. Este obxectivo perséguese mediante a creación de territorios responsables co dereito á saúde e actividades de promoción dun estilo de vida san, como o deporte e as alternativas de lecer saudable, no caso desta excursión. Tamén inclúe formación en actividades da vida diaria (ADV) de autocoidado da saúde e apoio ás familias.
As persoas con enfermidade mental grave teñen unha maior tendencia ao desenvolvemento de enfermidades físicas e unha maior taxa de mortalidade que o resto da poboación, debido a factores como os propios síntomas da enfermidade mental, os efectos secundarios dos tratamentos ou o estigma. Este tipo de doenzas adóitanse pasar por alto pola familia e o persoal médico ao atribuír as queixas á propia enfermidade mental. Ademais, a poboación non percibe da mesma forma estas doenzas ao atribuír certo grao de responsabilidade do seu xurdimento á persoa con enfermidade mental. Por iso é importante atender a estes aspectos, promover uns hábitos de vida saudables nesta poboación e contribuír ao desenvolvemento de territorios responsables e sensibilizados con esta realidade, minimizando o estigma e construíndo unha rede de apoio sólida.
Se estás interesado en participar ou obter máis información sobre os nosos programas podes contactar con nós.

