Desenvolvemos o programa “CONTIGO” para promover a autonomía das persoas con enfermidade mental

Na Asociación Albores Saúde Mental seguimos traballando para que as persoas con enfermidade mental poidan desenvolver unha vida o máis autónoma e plena posible. Neste marco, levamos a cabo o programa “CONTIGO”, centrado no apoio á autonomía persoal e á inclusión na comunidade.

📅 Período de execución: do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2025

Este programa está dirixido a persoas que presentan dificultades no seu día a día, especialmente en aspectos como o coidado persoal, a xestión do fogar, o acceso a recursos ou a participación social. A través dun acompañamento próximo e individualizado, búscase reforzar as súas capacidades e mellorar a súa calidade de vida. A vía de entrada pode ser a través dos servizos de saúde, sociais ou directamente.

A intervención realízase mediante plans personalizados, adaptados ás necesidades de cada persoa, e inclúe:

  • Apoio nas actividades básicas da vida diaria (hixiene, alimentación, coidado persoal…)
  • Traballo sobre habilidades instrumentais (compras, manexo de cartos, uso de recursos, xestión do fogar…)
  • Acompañamentos a xestións, citas médicas ou recursos comunitarios
  • Intervención no propio domicilio e no entorno comunitario

O programa desenvólvese entre Monforte de Lemos e Chantada. Os resultados acadados en anos anteriores amosan unha mellora significativa na autonomía, así como un maior uso dos recursos comunitarios e unha redución da sobrecarga nas familias.

Dende Albores destacamos que gañar autonomía é gañar calidade de vida, confianza e oportunidades, e que este tipo de programas son clave para favorecer a inclusión real das persoas con enfermidade mental, especialmente no ámbito rural.


Financiamento:
Programa subvencionado ao abeiro da Orde do 11 de setembro de 2024 pola que se regulan as subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e do Imposto de Sociedades, promovida pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade.