
Na Asociación Albores Saúde Mental seguimos traballando para garantir o dereito a unha vida digna e inclusiva das persoas con enfermidade mental. Neste marco, desenvolvemos o programa “VIVE CON SAÚDE MENTAL”, centrado na atención a persoas en situación de exclusión social con patoloxía mental crónica.
📅 Período de execución: do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2025
Este programa dá resposta á falta de recursos habitacionais no terzo sur da provincia de Lugo, ofrecendo un recurso de vivenda protexida e apoio integral a persoas con graves dificultades de acceso á vivenda. O proxecto ten como finalidade reverter situacións de exclusión residencial, especialmente nun contexto rural onde as opcións son máis limitadas.

A intervención realízase nun piso protexido situado en Monforte de Lemos, que ofrece:
- Aloxamento completo e manutención
- Acompañamento social e seguimento profesional
- Diagnose e deseño de itinerarios personalizados de inclusión
- Apoio para o desenvolvemento de habilidades persoais e sociais
- Apoio socioeducativo para a adherencia ao tratamento
O programa segue unha metodoloxía baseada en itinerarios personalizados e no empoderamento, favorecendo que as persoas participantes desenvolvan autonomía, melloren as súas capacidades e avancen cara á súa integración na comunidade e ao acceso ao emprego.
Durante este período de execución poderán participar 4 persoas, a metade deberán ser mulleres para asegurar a igualdade de oportunidades no acceso á vivenda. Agárdase lograr importantes avances na recuperación e inclusión social, unha mellora significativa na autonomía persoal, na cobertura das necesidades básicas e no acceso e mantemento da saúde e o emprego.
Dende Albores destacamos que o acceso á vivenda é un dereito fundamental e unha peza clave nos procesos de recuperación en saúde mental, e que programas como este permiten ofrecer oportunidades reais de inclusión e vida independente.
Financiamento:
Programa subvencionado ao abeiro da Orde do 11 de setembro de 2024 pola que se regulan as subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e do Imposto de Sociedades, promovida pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade.