Coidamos das familias co programa “FACENDO FAMILIA”

Na Asociación Albores Saúde Mental seguimos apostando por acompañar non só ás persoas con enfermidade mental, senón tamén ás súas familias, que desempeñan un papel fundamental no proceso de apoio e recuperación. Neste marco, desenvolvemos o programa “FACENDO FAMILIA”, centrado no apoio, orientación e formación ás familias.

📅 Período de execución: do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2025

Este programa nace coa finalidade de ofrecer un espazo de apoio ás familias, mellorando a súa capacidade de resposta ante as dificultades e favorecendo unha mellor convivencia no fogar. A través dun acompañamento profesional e próximo, trabállanse aspectos clave como a comunicación, a xestión de conflitos e o coñecemento da enfermidade mental.

Entre as principais actuacións do programa destacan:

  • Información e orientación sobre saúde mental e recursos dispoñibles
  • Apoio especializado ás familias, fortalecendo o seu papel como rede de apoio
  • Formación en habilidades de convivencia e resolución de conflitos
  • Intervención mediante sesións individuais e grupais adaptadas ás necesidades de cada familia

O programa permitiu en anos anteriores, conseguir unha mellora significativa na convivencia familiar, na redución da carga das persoas coidadoras e no aumento das habilidades e dos coñecementos sobre saúde mental.

Ademais, o acompañamento contribúe a previr situacións de crise, reducir recaídas e fortalecer as redes de apoio, aspectos fundamentais para o benestar tanto das persoas con enfermidade mental como das súas familias.

Dende Albores lembramos que cando apoiamos ás familias, construimos contornas máis estables, seguras e inclusivas.


Financiamento:
Programa subvencionado ao abeiro da Orde do 11 de setembro de 2024 pola que se regulan as subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e do Imposto de Sociedades, promovida pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade.