
O programa ofrece unha atención integral con perspectiva de xénero, dirixida especificamente a mulleres con enfermidade mental residentes en calquera dos 12 concellos do distrito sanitario sur de Lugo. Conta con 15 prazas e abrangue dende o 1 de setembro de 2024 ata o 31 de agosto de 2025.
O obxectivo principal é reforzar as súas competencias persoais, sociais e laborais, favorecendo a súa autonomía e promovendo unha integración plena e en igualdade de condicións respecto dos homes.
A intervención está deseñada e implementada por un equipo multidisciplinar formado por unha psicóloga, unha traballadora social, unha terapeuta ocupacional e unha asesora xurídica. O enfoque do programa é holístico e centrado na persoa, abordando as súas necesidades de maneira integral e coordinada.
As accións que o compoñen inclúen:
- Información e orientación personalizada sobre recursos de atención, apoio e asesoramento persoal e social.
- Atención psicolóxica
- Asesoramento xurídico especializado
- Mediación familiar
- Obradoiros e actividades de para a mellora de habilidades persoais e sociais, así como de desenvolvemento de competencias para a empregabilidade.
- Orientación laboral e acompañamento na busca de emprego
