Unha vez máis reunímonos para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental. Este ano queremos poñer de manifesto que a saúde mental é un dereito inherente á condición humana e que o seu disfrute non entende de barreiras nin de fronteiras territoriais ou económicas.
A propia OMS, na declaración para este 10 de outubro, debulla as implicacións de considerar a saúde mental desde a perspectiva dos dereitos. Ninguén debería verse privado dos seus dereitos humanos ou excluída das decisións sobre a propia saúde por padecer un problema de saúde mental. Todas as persoas, sen importar quen sexan ou que posición social ocupen, teñen dereito a gozar do máis alto grao posible de saúde mental, que inclúe o dereito a ser protexido ou protexida dos riscos para a saúde mental, o dereito a unha atención dispoñible, accesible, digna e de calidade; e ao dereito a liberdade, a independencia e a integración na propia contorna social”.
Dende Albores facémonos eco do Movemento Galego da Saúde Mental que insiste desde hai anos na urxencia de garantir o cumprimento dos dereitos fundamentais das persoas diagnosticadas e de adoptar de forma prioritaria o enfoque preventivo na atención á saúde mental que vaia máis alá do ámbito sanitario, xa que son as condicións materiais de vida e a presenza de violencia e abusos os principais factores de risco de mala saúde mental.
Residimos na zona con maior exclusión territorial de Galicia. As familias viven lonxe dos dispositivos sanitarios e sociosanitarios e dispoñen de menos recursos económicos tanto para salvar as distancias que as afastan dos mesmos, como para facer fronte ao pago dos propios servizos de saúde mental, o que a convirte nun privilexio e non nun dereito. Por tales motivos, estes recursos deben ser providos polas administración públicas, ben directamente, ben a través de entidades non lucrativas como a nosa. Corresponde a todas las personas solicitar que as Administracións establezan as dotacións económicas necesarias para facer efectivos os dereitos. Dito de outra forma; a falta de inversión en saúde mental favorece a vulneración dos dereitos das persoas con enfermidade mental. E os dereitos deste colectivo afectannos a todas e a todos, posto que unha de cada catro persoas terá unha doenza mental ao longo da súa vida e as outras tres viviranna de preto por ser familiares ou achegadas.
Na nosa zona detectamos as seguintes necesidades de inversión:
Actualmente a Unidade de Saúde Mental está infradotada, só contamos cunha psiquiatra, con 2 psicólogos e non hai traballadora social.
En canto ao ámbito sociosanitario:
- As persoas con doenzas mentais e/ou medicacións que as incapacita para conducir foron excluidas do transporte adaptado da Xunta, 065, que antes lles permitía acudir aos tratamentos e servizos sanitarios ubicados en localidades distantes.
- Non existe ningunha praza habitacional para mulleres en todo o sur de Lugo, a pesar de que as mulleres con problemas de saúde mental presentan unha vulnerabilidade alta fronte a violencias de todo tipo.
- Non existe residencia para as persoas cunha dependencia importante por enfermedades mentais graves. As persoas que necesitan atención permanente ao falecer a familia teñen que ser trasladadas lonxe do seu entorno ou integrarse en residencias de maiores que non cubren as súas necesidades específicas.
- Non existe ningún centro de día para facilitar o respiro das coidadoras de quen necesita apoios continuados ao longo do día ou para quen non dispón de soporte social, caso este último, moi frecuente dentro do colectivo de persoas con enfermidade mental, debido a que o estigma produce unha merma na rede de apoio.
- Non existe centro terapéutico para os menores da provincia con problemas de saúde mental. A nosa é a única provincia que non conta con este tipo de centros, así que os menores con problemas son afastados do seu círculo próximo, cando precisan atención.
Somos unha entidade sen ánimo de lucro que, de non ter apoio institucional, nos vemos incapaces de desenvolver todos estes dispositivos, por moito que os consideremos imprescindibles. Aínda así e grazas ao respaldo das Administracións Públicas e de entidades privadas que apostan por proxectos de calidade dispoñemos dos seguintes centros, programas e servizos:
- Dous Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, un en Monforte e outro en Chantada.
- Un Comedor Social para persoas con doenzas mentais e as súas persoas achegadas.
- Un Piso Protexido con 4 prazas.
- Un novidoso Programa de Acompañamento Integral a Persoas en Risco de Suicidio, porque non podemos obviar que Lugo é a provincia con maior taxa de suicidio do Estado e no sur de Lugo a taxa de enfermidade mental así como o consumo de psicofármacos é superior á media.
- Un programa de acompañamento integral que incorpora tanto prestacións de Servizo de Axuda no Fogar como de Asistencia Persoal.
- Un programa de abordaxe das situación das mulleres en situación de vulnerabilidade por presentar enfermidade mental.
- Programa de Inclusión Sociolaboral, que incorpora a novidosa metodoloxía do emprego con apoio.
- Programa de Ocio e Tempo de Lecer na Comunidade.
- Programa de Respiro Familiar.
- Programa de Información, Orientación e Asesoramento, a calquera persoa que se poña en contacto con nós.
- Programa de Prevención e Sensibilización, no que destaca o noso certame anual de fotografía Fotoxénica-Mente, a campaña anual de prevención e detección en colexios e institutos, a presente campaña de sensibilización no Instagram na que persoas famosas difunden a nosa mensaxe #ATuaMenteimporta…
Como xa se dixo máis arriba, o dereito á saúde é universal e non só para as persoas que acuden aos centros sanitarios ou sociosanitarios, senón tamén para aquelas persoas que non acuden aínda que o precisen. Por iso damos especial importancia ás campañas de sensibilización e contribuimos á prevención, entre a sociedade xeral, pero tamén en contextos específicos como o ámbito escolar e laboral.
A sociedade no seu conxunto debe ser partícipe e corresponsable no coidado da saúde mental: as esferas políticas, os medios de comunicación, as institucións sanitarias, os centros educativos, as empresas, a cidadanía, etc. Cada unha destas partes ten uns objetivos e medios distintos: algunhas deben dotar de recursos, outras comunicar de forma responsable, outras facilitar a integración social, outras educar. Pero é necesario que traballemos en conxunto para desestigmatizar as enfermedades mentais, brindar servizos de calidade e promover a conciencia sobre a importancia de cuidar a nosa saúde mental.
A saúde mental é un dereito universal, porque a nosa mente importa, porque a túa mente importa. Moitas grazas.