Albores conta cun Programa de Prevención do Suicidio

Tendo en conta que o domingo 10 de outubro conmemórase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, a asociación Albores Saúde Mental quere lembrar que actualmente constitúe a primeira causa de morte en mozas e a primeira causa de morte non natural na poboación xeral, moi por encima dos accidentes de tráfico. Ademais, Lugo é a provincia con maior número de suicidios no país.

Por iso, estamos levando a cabo un Programa de Atención Integral para a Prevención do Suicidio e Posvención, que foi financiado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, como apoio á implantación do Plan de Acción de Saúde Mental.

O programa é gratuíto e está dirixido a persoas que estean en risco de suicidio, que teñan problemas de saúde mental, maiores de 16 anos e residentes nalgunha das 12 localidades do sur de Lugo, así como aos seus familiares. Calquera persoa que necesite axuda ou queira obter máis información pode contactarnos.

O equipo de profesionais está formado por dúas psicólogas, unha terapeuta ocupacional, unha educadora social, unha traballadora social, unha asesora xurídica e dous auxiliares de enfermería. O seu obxectivo é contribuír á prevención dunha problemática que vai en aumento, que está invisibilizada e á que é urxente dar resposta. Por iso incorpóranse accións de promoción da saúde mental, a saúde física e as relacións afectivas e familiares saudables, así como a redución do impacto das problemáticas económicas e xurídicas, entre outras.